top of page

 ... ás PLANTAS

 

Aprenderemos moito coa nosa horta, recolleremos flores e froitos nas diferentes estacións, faremos e leremos contos de plantas... 

Por que ás plantas?

 

As plantas dan vida.​

 

Todos sabemos que as plantas constitúen unha fonte de nutrientes na nosa vida, pero ademais son as que purifican o aire, actuando como verdadeiros pulmóns do mundo!

 

  • A IMPORTANCIA DA AUGA PARA AS PLANTAS

A auga é vital para a vida vexetal, posto que o corpo destes seres vivos está constituído por un 90% de auga. Para sobrevivir as plantas precisan auga, así como os nutrientes que son absorbidos polas raíces dende o solo.  Despois de ser absorbida polas raíces sube polo talo ata chegar a todas as partes da mesma, de xeito continuado para que a planta poda seguir con vida.

​

Coñecido o interese dos alumnos de infantil polo mundo das plantas, foron invitados a recibir unha clase práctica onde tomaron parte activa regando e medindo o crecemento das plantas. E o que é máis importante, foron quen de elaborar as súas propias conclusións con respecto ao observado: cando o solo está seco, as plantas non nacen, e cando nos pasamos regando tampouco nacen ou rematan afogándose!

​

Baixo esta pequena explicación, os alumnos de infantil subiron ao cole dos maiores para atender ás explicacións duns "expertos científicos" de 4º da ESO. Durante semanas, os alumnos de Ciencias Aplicadas levaron a cabo un experimento con legumes para comprobar de que xeito afecta o estrés hídrico ás plantas.

​

O experimento consistiu en regar con 5 medidas diferentes (con 10 repeticións por medida) uns vasos coa mesma cantidade de terra e un garbanzo en cada un. Pasados os días, comprobamos o efecto da sequía ou o exceso de auga no crecemento das sementes. 

​

Os alumnos de infantil estiveron moi atentos as explicacións dos maiores e contestaron ás preguntas realizadas, primeiro timidamente e logo con máis entusiamo. Pero o máis importante, comprenderon que:

​

  • As plantas "beben" a auga polas raíces.

  • As plantas necesitan auga para vivir.

  • Cando as plantas non teñen suficiente auga non nacen.

  • Cando o solo está encharcado as plantas non nacen.

  • Se regamos demasiado, a planta acaba morrendo.

  • E, que as plantas que mellor crecen son as que reciben unha cantidade axeitada de auga.

​

​

  • POESÍA PARA DAR VIDA...

Os alumnos de infantil xogaron coa linguaxe a través dun poema de Nilda Zamataro. Tal foi o éxito do mesmo que algúns dos máis cativos foron quen de recitalo como se de auténticos poetas estivésemos a falar.

​

A poesía "A semente Dourada" conta a historia dunha semente que precisa auga para crecer, que precisa sol para vivir e que deixa de ser semente para converterse nunha fermosa planta. 

​

Ao longo dunha semana, os alumnos non so traballaron a poesía, tamén cultivaron sementes que logo puideron levar para casa. 

​

De un xeito moi agradable, os alumnos:

​

  • Coñeceron o ciclo das plantas.

  • Entenderon a importancia da linguaxe para expresar ideas e acontecementos.

  • Puxeron en práctica a súa memoria auditiva e rítmica.

  • Tiveron un encontro coa poesía.

​

E temos que lembrar que a poesía:

​

  • Estimula o gusto pola lectura, favorecendo a adquisición deste hábito.

  • Fomenta a creatividade e a comprensión.

  • Desenvolve novas habilidades para comunicarse entre moitos outros beneficios para os cativos.

​

​

  • A HORTA DO COLEXIO

O noso colexio xa dispón dunha horta!!! Grazas a este espazo no noso colexio, os alumnos da nosa escola poden experimentar e coñecer o ciclo dalgunhas plantas que nos serven como alimentos. Deste xeito estamos a favorecer a súa aprendizaxe e tamén a súa formación.

​

Os alumnos de infantil foron partícipes na creación da horta. Axudaron a encher con terra os maceteiros, a eliminar pedras ou algunha mala herba, a plantar as hortalizas e legumes, a regar, e por suposto, a recoller os froitos.

 

A aprendizaxe dos alumnos é moi enriquecedor en moitos aspectos, xa que:

  • permite aos alumnos ter ilusión e responsabilidade por un ser vivo que precisa coidados e que logo servirá de alimento.

  • pode incentivar e motivar aos cativos a probar alimentos "verdes".

  • os alumnos traballan e xogan nun espazo natural.

  • durante o proceso incorporan valores como respecto, conservación e coidado da natureza, o medio ambiente e o entorno.

​

  • A FUNDACIÓN SALES

Por fin chegou o día no que visitamos a Fundación Sales, un xardín situado na Avenida de Europa e que foi deseñado por Francisco de Sales Covelo nos anos 60.

​

Sales é un peculiar xardín onde os cativos puideron contemplar tanto plantas terrestres como acuáticas, árbores autóctonas e foráneas. 

​

Ademais de poder tomar contacto con plantas peculiares como os fieitos de tamaño árbol ou un bosque de bambú, os alumnos puideron manipular a terra e plantar en macetas biodegradable o seu propio vexetal, sempre seguindo as instruccións do experto guía.

​

Foi unha mañá estupenda, onde os cativos puideron:

  • tomar contacto coa natureza,

  • entender a conceptos de ecoloxía,

  • e por suposto adquirir coñecementos que poden poñer en práctica na horta do colexio.

bottom of page